domingo, 29 de outubro de 2017

COCIÑAMOS?

O pasado xoves decidimos ir á cociña. Como este curso é a nosa primeira vez na cociña fixemos unha receita sinxela na que incorporamos un alimento propio do outono: a cabaza.
Aquí vos deixo a receita, por se queredes probar na casa:
- 300gr. de cabaza (sen pel nin pebidas), raiada.
- 4 ovos
- 250 gr. de azucre (nós fixémolo con menos e sae igual de ben)
- 75 gr. de aceite de oliva
- 300 gr. de fariña
- 16 gr. de levadura
- 1 cullerada de canela en pó
- Azucre glas para espolvorear por riba do biscoito, unha vez feito.
Cómo facelo:
Batir moito os ovos e o azucre. Incorporar aceite, fariña, levadura, canela, e finalmente a cabaza raiada. Mesturámolo todo moi ben metémolo nun molde. Logo, metémolo no forno durante 35 min. a 180ºC. Cando o saquemos do forno e enfríe, botámoslle azucre glas.
Xa vedes que é moi sinxelo, se probades na casa xa nos contaredes que tal!
Agora deixámosvos as fotos da nosa xornada na cociña.
Agardamos que vos gusten!
 

venres, 27 de outubro de 2017

LENDO AO SOL

Esta semana celebramos o Día Internacional das Bibliotecas escolares lendo cos nosos padriños e madriñas.
Primeiro buscamos un sitio agradábel no patio e comezamos as lecturas: Cocorico, Os Bolechas, Xirafa e crocodilo... as nenas e nenos de 4º elixiron moi ben os contos e nós gozamos moito escoitándoos.
Sen dúbida, foi un momento fermoso que repetiremos pronto!
 

Lendo cos padriños/madriñas

venres, 20 de outubro de 2017

A MALETA DA PROFE RAQUEL

Este curso temos a sorte de ter unha nova profe, Raquel. Queríamos saber algo máis sobre ela, así que trouxo á aula unha pequena caixa repleta de pequenos obxectos que nos falaban dela, do que lle gustaba e vai máis alá das paredes do cole.
Raquel deixounos a súa libreta e o seu bolígrafo das ideas, deixounos xogar coa súa xirafa, espertou os nosos sentidos coa súa vela de olor, e presentounos aos seus cans e á súa gata.
Moitas grazas por compartilo con nós! 
 
 
 
 
 



domingo, 1 de outubro de 2017

BÚSCASE

Buscamos á Mosca Chosca. Se algún/ha de vós a ve, por favor, lembrádelle que os nenos e nenas da aula de 4 anos de Vincios están agardando por ela.
A Mosca Chosca acompañounos en todas as nosas aventuras o curso anterior, pero este verán decidiu marchar de vacacións e aínda non se decatou dunha cousiña...: xa empezou a escola!!
Así que os nenos e nenas de 4 anos decidimos facerlle un vídeo e colgalo neste blog, coa esperanza de que o vexa e volva á aula ou, polo menos, para que nos envíe unha postal!
 

ONDE ESTÁS, MOSCA CHOSCA?

MARA E ARÁN TEÑEN 4 ANOS!

Comezamos cos primeiros aniversarios na aula. Setembro é o mes de Arán e de Mara, e celebrámolo na aula cunha fantástica visita: Ana, a nai de Mara, veu visitarnos. Contounos o conto dos sete cabritos e falounos do seu traballo. Coa súa visita decatámonos do seguinte: as nais ou pais non "traballan no traballo", senon que traballan en lugares que, en moitos casos, ata coñecemos!
Logo de facer un pequeño chequeo, fomos merender un rico biscoito, gusanitos e zume que as familias de Arán e Mara trouxeron á aula.
Moitas grazas pola visita e pola saborosa merenda!



ANIVERSARIO MARA E ARÁN